"É posible que máis dun quede chafado co contido deste post despois de ler o titular (grazas, clickbait) pero prométovos que a historia vale a pena. Catro
nais británicas anoxadas coa industria do porno en internet puxéronse
mans á obra para facer a película X que quererían que os seus fillos
visen. Emma, Anita, Sarah Louise e Sarah son as protagonistas deste curioso caso recollido no documental de tres capítulos Mums Make Porn, que a canle británica Channel 4 emitirá a partir do 20 de marzo.
O
primeiro que hai que dicir é que elas NON APARECEN NO FILME (sería moi
raro), senón que participan na súa produción e dirección, co propósito
de facer unha cinta erótica realista e que fomente actitudes positivas e
respectuosas en torno ao sexo.
O
documental amosa o traballo de investigación das catro nais (ao comezo
eran cinco), incluída a súa reacción ante algúns dos contidos
pornográficos aos que calquera cunha conexión a internet pode acceder
facilmente. As protagonistas quedaron sen palabras pola crueza e a
violencia de moitas das imaxes que viron, ata tal punto que unha delas
decidiu abandonar o proxecto por consideralo contrario ás súas crenzas
relixiosas e ideais feministas.
As demais decidiron seguir adiante co traballo. En declaracións ao tabloide británico The Mirror,
Sarah afirmou que «temos que demostrar aos nosos fillos que hai algo
máis ca esa merda horrible que ven en internet» e engadiu que, «se o meu fillo tratase así unha muller, patearíalle o cu ata o fin dos tempos».
O filme realizado polas nais será emitido no terceiro e último capítulo
do documental, no que se ve como as protagonistas o proxectan ante un
grupo de amigos e familiares, incluídos algúns dos seus fillos.
Emma
Morgan, produtora executiva do documental, recoñeceu a súa sorpresa ao
descubrir as estatísticas que reflicten o gran impacto do porno online
sobre as xeracións máis xoves. «Está claro que moitos adolescentes
consumen cine porno e vense influídos por estas películas; por iso
quixemos facer un traballo significativo que fomentase un diálogo
responsable e aberto entre pais e fillos», salientou.
Empacho de porno
Os datos que recolle o informe anual de Pornhub, o sitio de pornografía en internet máis visitado do mundo, son reveladores: máis de 33.500 millóns de visitas en 2018
(un incremento de 5.000 millóns con respecto a 2017). Isto representa
unha media de 92 millóns de visitas diarias en todo o mundo —a poboación
de Canadá, Polonia e Australia xuntas—.
Ademais, en Pornhub hai case
4,8 millóns de vídeos subidos, o que equivale a máis dun millón de horas
de contido. De feito, os seus responsables afirman con orgullo que se
unha persoa empezase a ver os vídeos de Pornhub un detrás doutro en
1903, aínda non tería rematado hoxe. Segundo estes mesmos datos, España
ocupou o ano pasado a 13ª posición en canto a tráfico xerado, cunha
media de nove minutos e 20 segundos por visita.
A dificultade de obter datos fiables para cuantificar o consumo de porno online
entre os menores de idade radica en que, en teoría, teñen prohibido o
acceso a este tipo de contidos, aínda que sabemos que na práctica isto
non é así. A pericia dos nativos dixitais para saltar controis parentais
e outras barreiras sen deixar pegada está máis ca demostrada e os
expertos aseguran que o primeiro contacto co porno prodúcense en torno
aos 12 anos, na maioría dos casos a través do móbil.
Unha mellor educación sexual
Ante
a imposibilidade de poñer freo ao consumo, iniciativas orientadas a
fomentar hábitos máis respectuosos e igualitarios están a cobrar un novo
impulso nestes tempos de confusión e perda de referentes. A ONG Save the Children,
por exemplo, propuxo en 2018 introducir a materia de educación sexual
nas aulas como método para reducir a violencia machista. Ademais, editou
unha guía dirixida a mellorar a educación sexual das nenas e nenos no seo da familia." (Disquecool, 20/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario