"Ante os que consideramos graves
acontecementos que se están a producir dende hai meses no marco do
debate sobre os contidos da Lei Trans, dende AGAMME emitimos este
comunicado.
En primeiro lugar, desexamos amosar
noso apoio ás compañeiras pertencentes a diversos partidos e
asociacións, universidades e profesións varias que están sufrindo
represalias por exercer o lexítimo dereito de expresar libremente a súa
opinión, polo simple feito de disentir, de argumentar en contra dalgúns
dos puntos clave do texto da chamada Lei Trans. Asistimos a un
deterioro continuado e acelerado dos principios democráticos, de tal
forma que se chega a normalizar a negación da posibilidade da discusión
argumentada como fonte de enriquecemento da política. O mesmo observamos
no ámbito académico respecto ao coñecemento científico. Aséntase cada
vez con máis intensidade o criterio de “comigo ou contra min”,
eliminando a posibilidade de escoitar outras posturas, outros
razoamentos. Independentemente de que unhas ou outras teñan a razón,
permitir que se hostigue a compañeiras por ter expresado un punto de
vista determinado é abrir a porta ao extremismo ultradereitista. Por iso
é imperativo deter esta dinámica que está poñendo en serio risco o xa
debilitado sistema democrático.
Por outra parte, AGAMME
manifestou en repetidas ocasións a súa crítica a algúns aspectos do
texto do Proxecto de Lei, que pasamos a resumir a continuación.
Para empezar, y para afastar calquera posibilidade de malentendido, AGAMME
maniféstase plenamente respectuosa cos dereitos das persoas transexuais
e defendemos o seu dereito a vivir libres de discriminación e violencia, en cumprimento de toda a normativa internacional, estatal e autonómica de Dereitos Humanos.
Unha
vez establecido este punto de partida inamovible, ao noso parecer, a
que se deu en chamar Lei Trans inclúe no seu articulado algúns contidos
que supoñen un risco para a saúde das persoas menores de idade,
poñéndoas a mercé dos intereses da industria farmacéutica e dos centros
de cirurxía especializados. Pasamos a continuación a describir os nosos
principais puntos de disensión co articulado do "Proxecto de Lei para la igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI":
PRIMEIRO. O concepto “identidade de xénero” como entidade xurídica.
O
xénero é unha construción cultural a través da cal se atribúen ás
persoas, en función do sexo, unha serie de cualidades conductuais,
psicolóxicas, sociais, etc. É de feito a base sobre a que se asentan os
postulados patriarcais e machistas que, como sociedade democrática,
debemos rexeitar. Admitir que sexa precisamente o xénero o
determinante para identificar ao individuo é reforzar un concepto contra
o cal o feminismo vén batallando dende as súas orixes.
No ámbito
de infancia e adolescencia, deben cumprirse os principios coeducativos,
cuxo obxectivo é tirar as barreiras que dificultan o pleno
desenvolvemento das persoas menores de idade, máis alá dos estereotipos
de xénero. A lei non debe, pois, reforzar un concepto que é causante de
discriminación e violencia contra mulleres e nenas.
DEBEN SER
RETIRADAS DO TEXTO DA LEI TODAS AS EXPRESIÓNS NAS CALES, DIRECTA OU
INDIRECTAMENTE, SE ASENTE O CONCEPTO DE IDENTIDADE DE XÉNERO. NO SEU
LUGAR DEBE UTILIZARSE A EXPRESIÓN “IDENTIDADE SEXUAL”.
SEGUNDO. O cambio rexistral do xénero por autodeterminación.
Este
é un punto difícil de abordar, dado que é comprensible o desexo de que
non sexan necesarios informes médicos e trámites diversos. Non obstante,
este cambio na normativa supoñería a eliminación do suxeito xurídico
muller –xa que calquera podería selo tan só con declaralo-
co cal, toda a loita feminista por lograr igualdade de condicións no
ámbito laboral e familiar, para a erradicación da violencia de xénero, a
recompilación de datos estatísticos en base ao sexo, o estudo das
enfermidades femininas, a promoción do deporte femenino e un longo
etcétera, quedaría en auga de borraxe.
Aínda que no plano teórico
podemos formular o desexo de que se dilúan as diferenzas por razón de
sexo, estas non desaparecen na vida real. A discriminación que sofre a
muller segue sendo dramática e a lexislación e as políticas que se foron
logrando tras décadas de loita feminista non poden perderse. De feito,
seguen sendo insuficientes, debemos seguir promovendo cambios que
avancen na eliminación das desigualdades e a violencia. No tocante á
infancia e adolescencia, as nenas seguen sendo, con moito, as
principais vítimas de violencia sexual e cada ano as cifras de violencia
de xénero en parellas adolescentes son alarmantes.
POLO TANTO,
DEBE PERMANECER A NORMATIVA ACTUAL, QUE EXIXE ALGÚNS REQUISITOS E
TRÁMITES PARA A CONSECUCIÓN DO CAMBIO REXISTRAL DO SEXO E QUE DITO
CAMBIO SE PRODUZA DE FORMA ESTABLE.
TERCEIRO. Tratamentos e intervencións en menores de idade.
Debemos partir de tres presupostos indiscutibles:
En
primeiro lugar, non existe evidencia científica sobre os efectos a
medio-longo prazo de someter a persoas a tratamentos hormonais dende
idades temperás e de por vida.
En segundo, estase esquivando, por
ser tema tabú, os efectos que as cirurxías en xenitais e mamas poden
ter sobre o pracer sexual e en consecuencia sobre a vida sexual, de
forma irreversible.
Por último, a adolescencia caracterízase por
ser unha etapa de cambios e de autocoñecemento, non é estática e a súa
duración é variable en cada caso.
Por todo isto, pedimos con toda a contundencia posible, que se estableza normativamente:
1.-
Que non se someterá a ningunha intervención cirúrxica nin tratamento
hormonal a ningunha persoa menor de 16 anos, no marco dun proceso de
cambio de sexo.
2.- Que non se someterá a tratamentos hormonais
nin intervencións cirúrxicas a ningunha persoa de entre 16 e 18 anos se
non é tras unha avaliación médica e psicolóxica que estableza a
suficiente madurez e desenvolvemento da persoa así como a conveniencia
de ditos tratamentos dende un punto de vista da saúde integral.
Por no estenderse máis neste punto, e dada a total concordancia co seu punto de vista, adherímonos ao manifestado recentemente sobre este tema pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria.
CUARTO. Sobre a adopción de medidas contra proxenitores-as que se opoñen á realización de tratamentos.
A Convención dos Dereitos da Infancia (CDN) establece no seu artigo 5 que, salvo que aqueles sexan prexudiciais para o benestar da persoa menor de idade, “Os Estados Partes respectarán as responsabilidades, os dereitos e os deberes dos pais (…)”.
Polo tanto, salvo que atenten contra a súa integridade ou dignidade, se
recoñecese aos proxenitores e proxenitoras a potestade para tomar as
decisións que consideren aconsellables para o benestar dos seus fillos e
fillas.
Como temos denunciado noutras ocasións, e segundo avalan
informes do Valedor do Pobo de Galicia, por exemplo, o cal consideramos
extensible a outros territorios, os equipos psicosociais dependentes
dos gobernos autonómicos ou municipais (protección de menores, equipos municipais de servizos sociais,
…) carecen de formación específica en materia de infancia. Polo tanto,
tendo en conta ademais que este novo campo é un nicho de mercado
suculento para a industria farmacéutica, ameazar a proxenitores e
proxenitoras coa posibilidade de perdela custodia dos seus fillos e
fillas por opoñerse a que se sometan a tratamentos agresivos, de efectos
adversos e quizais irreversibles, ataca os dereitos enunciados na CDN así como a independencia (dentro de duns parámetros de coidados e respecto da liberdade sexual dos seus fillos e fillas)
das familias para adoptar libremente as decisións que consideran son as
que mellor se axustan ao interese superior do ou da menor de idade.
POLO
TANTO, DADO QUE AS CONDUTAS VEXATORIAS, O MALTRATO EMOCIONAL, ETC XA
ESTÁN REGULADAS NO CÓDIGO PENAL E EXISTE MARXE DE MANOBRA POR PARTE DAS
ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS PARA DESENVOLVER DISTINTOS TIPOS DE
INTERVENCIÓN EN BENEFICIO DO BENESTAR INFANTIL, DEPENDENDO DA GRAVIDADE
DE CADA CASO, ESTE CONTIDO DEBE DESAPARECER DA LEI.
QUINTO. Sobre todas aquelas medidas contempladas na lei que atentan contra a liberdade de expresión.
O
Proxecto de lei contempla todo un aparato disciplinario que se
aplicaría contra calquera persoa que disinta do seu articulado.
Consideramos esta unha medida anticonstitucional e un perigo para a
estabilidade da democracia o feito de que se inclúa nun texto
lexislativo. A lei vixente xa contempla medidas contra aquelas persoas
que atenten contra a dignidade das persoas, co cal é absolutamente
innecesario establecer medidas disciplinarias e debemos entender estas
como un intento de blindar a lei impedir calquera posibilidade de
rexeitamento ou crítica da mesma.
ESTE CONTIDO É COMPLETAMENTE INADMISIBLE DADO QUE ATENTA CONTRA O DEREITO CONSTITUCIONAL DE LIBRE EXPRESIÓN.
SEXTO. Sobre a necesidade e o consenso social.
Como
se evidenciou especialmente nas últimas semanas, existe unha clara
desconformidade dun sector importante da sociedade sobre a necesidade e a
conveniencia desta lei, ou ao menos dalgúns dos seus contidos. Polo
tanto, dado que o poder lexislativo emana do pobo, os poderes públicos
deben ser cautos na aprobación de leis sobre as cales existe un debate
aberto e non concluído, cunha oposición clara dunha parte da sociedade.
Non
existe suficiente coñecemento científico sobre os efectos a largo prazo
de aplicar terapias de transición, non é pertinente asentar unha
lexislación baseada na suposición. De feito, están empezando a
transcender datos aportados por países que aplicaron leis trans con
anterioridade e os resultados obtidos e os relatos de persoas que agora
están en fase de detransición non son en absoluto tranquilizadores.
SOLICITAMOS,
POIS, QUE SE PRORROGUE A SÚA APROBACIÓN, QUE SE ABRA UN PROCESO DE
DISCUSIÓN, DE DEBATE RESPECTUOSO E ARGUMENTADO QUE NUNCA SE PRODUCIU
PORQUE, DENDE O INICIO DA TRAMITACIÓN, SE CRIMINALIZOU O DISENSO E
EVITOUSE TODA POSIBILIDADE DE DIÁLOGO.
FAISE NECESARIO O QUE NON
SE PRODUCIU AO INICIO: UN PERÍODO DE REFLEXIÓN, DE ANÁLISE DE INFORMES E
ESTUDOS A NIVEL INTERNACIONAL, DE ESCOITAR ÁS ENTIDADES SOCIAIS E
PROFESIONAIS, NON SÓ AS AFÍNS, OS TESTEMUÑOS DE TODA A GAMA DE PERSOAS
AFECTADAS POR ESTA CUESTIÓN, ANTES DE DAR O PASO DEFINITIVO QUE PODERÍA
CONDUCIRNOS A UNHA SITUACIÓN NORMATIVA POUCO DESEXABLE NOS ASPECTOS QUE
VIMOS DE SINALAR.
Xunta Directiva de AGAMME, a 29 de outubro de 2022" (AGAMME, 01/11/22)
2/12/22
Pronunciamento de Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) sobre certos aspectos da Lei Trans
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario