13/8/24

O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña desenvolveu e probou un conxunto de unidades didácticas para estudantes de Bacharelato, conformando un plan de estudos piloto de confianza e viábel que foi introducido no ensino regrado dos centros europeos participantes desde o curso 2023/24... e foi quen de reforzar o seu papel internacional na creación de novas iniciativas educativas e na colaboración para desenvolver currículos avanzados en IA...

"Un dos grandes ámbitos de traballo do CITIC é o ámbito docente, que, segundo o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, é un dos sectores clave na revolución tecnolóxica asociada á Intelixencia Artificial. Neste punto o centro coruñés foi quen de reforzar o seu papel internacional na creación de novas iniciativas educativas e na colaboración para desenvolver currículos avanzados en IA.

O investigador do CITIC, Francisco Bellas, profesor de programación, robótica autónoma e aprendizaxe automática en diversos graos e mestrados da UDC, é ademais membro do comité de expertos en educación sobre IA da Xunta de Galicia, onde contribúe ao desenvolvemento de políticas e estratexias educativas. Actualmente, Francisco Bellas participa nun proxecto da Universidade de Qatar titulado Desenvolvemento dun marco educativo de intelixencia artificial (IA) baseado en evidencia: un estudo exploratorio dos resultados, experiencias, competencias e eficiencia dos docentes dos estudantes de secundaria. 

Este proxecto, cunha duración de tres anos e financiado polo Consello de Innovación e Desenvolvemento de Investigación de Qatar, ten como obxectivo desenvolver un marco curricular de IA para as escolas secundarias do país asiático. O proxecto foi concedido ao profesor Zubair Ahmad da Universidade de Qatar e está integrado por catro investigadores locais e dous colaboradores internacionais, entre os que se atopa Francisco Bellas. 

Nos seis primeiros meses do proxecto, presentouse o primeiro conxunto de instrumentos de recompilación de evidencias e realizouse unha proba piloto, cuxos datos están a ser analizados na actualidade. Durante este período, o investigador principal da iniciativa, Zubair Ahmad, visitou en dúas ocasións o CITIC da UDC co obxectivo de elaborar conxuntamente con Francisco Bellas os instrumentos de recompilación de datos.

Comprender a tecnoloxía, primeiro paso

O CITIC explica que a importancia de formar profesionais en IA é evidente ante a crecente demanda laboral neste eido; porén, engade o centro da UDC, “resulta esencial preparar ás novas xeracións para un mundo profundamente influenciado pola IA”. Comprender esta tecnoloxía é o primeiro paso para integrala e aproveitar os seus beneficios, sinala o CITIC, salientando o traballo das administracións educativas para a creación de plans de estudo formais para a educación en IA en niveis preuniversitarios como Primaria, Secundaria e Bacharelato. 

“Estas iniciativas son cruciais, xa que as adaptacións de recursos existentes non son suficientes; trátase dun obxectivo ambicioso que require o impulso, ademais da colaboración de profesores e expertos en IA para desenvolver propostas curriculares específicas e así avanzar na comunidade educativa”, sinala o CITIC, engadindo que neste contexto o investigador Francisco Bellas destaca pola súa colaboración activa coa Comisión Europea, onde liderará, desde este mes de setembro ata decembro de 2024, un grupo de traballo do European Dixital Education Hub formado por máis de 30 expertos do eido da IA. O obxectivo é “desenvolver novas recomendacións e recursos para lograr que as ferramentas educativas baseadas en IA sexan imparciais, responsábeis, transparentes e éticas, fomentando unha IA explicábel”.

Francisco Bellas tamén é recoñecido polo seu traballo no proxecto europeo AI , recentemente finalizado e coordinado pola UDC. Este proxecto desenvolveu e probou un conxunto de unidades didácticas para estudantes de Bacharelato, conformando un plan de estudos piloto de confianza e viábel que foi introducido no ensino regrado dos centros europeos participantes desde o curso 2023/24.

Co traballo realizado en proxectos como AI e a súa participación en iniciativas internacionais, Francisco Bellas e o CITIC posiciónanse á vangarda da educación en Intelixencia Artificial, “un reto que debe ser afrontado con rigor e responsabilidade”, conclúe o centro TIC da UDC." (Código cero, 13/08/24)

No hay comentarios: