"Escoiten a este home. Nun corto paseo polo peirao de Vilagarcía pode
describir tres ou catro novas formas de xestionar a enerxía que está no
medio: aeroxeradores nas lámpadas de alumeado público, paneis solares
sobre os tellados das naves e edificios administrativos, ou muíños
offshore enganchados con turbinas submarinas, para salvar o problema da
profundidade, e conectados por cable coa costa ou cun buque de
almacenamento.
Pablo Álvarez (Vilagarcía, 1981) é presidente de Nosa
Enerxía, unha comercializadora de electricidade que promove o uso de
renovables. No seu primeiro ano no mercado, deu servizo a unhas
duascentas familias no país, son 200 megavatios que se inxectan no
sistema procedentes de fontes limpas. “É pouco, é certo, pero non só
reducimos o custo da luz”, sinala Pablo Álvarez.
Nosa Enerxía estima en “case cen euros” o aforro anual medio dun socio
respecto dos contratos que ofrecen as grandes compañías. "Estamos
aforrando cartos ao país en canto a que contribuímos a reducir o impacto
medioambiental”, indica.
- Quen fai o traballo na cooperativa?
- Pois o consello reitor, seis persoas, con axuda dalgúns socios. Todo é
traballo voluntario. Mesmo o da asesoría, que é unha cooperativa de
Compostela. Queremos contratar a unha persoa por unhas horas para que
leve a facturación.
É imprescindible levar a facturación ao día porque
precisamos ingresos para pagar a enerxía que metemos no sistema e os
prazos son curtos, un fallo podería supoñer a perda da licenza para
operar. Temos moita responsabilidade porque xogamos con cartos dos
socios e porque estamos abrindo un camiño fronte as compañías do
oligopolio.
- Cal é ese camiño?
- O primeiro que nos preguntan sempre é ‘canto vou aforrar?’ Nosa
Enerxía dá voz e voto ao socio para que decida sobre as tarifas. Un dos
obxectivos é democratizar a enerxía cara a soberanía enerxética.
O que
facemos é buscar o prezo máis xusto dentro das posibilidades que nos
deixa o mercado, ese marxe do 4% de beneficio que se permite negociar.
Mentres non teñamos a capacidade de producir, que é outro dos
obxectivos, non poderemos incidir moito no prezo. Tampouco podemos
acceder a clientes con tarifa TUR, impídennos entrar nese mercado. Pero
nas tarifas verdes somos competitivos.
- Cal é a diferenza para o consumidor?
- No modelo vixente, o consumidor é só cliente. Está nas mans do
oligopolio e da normativa do goberno. Un auténtico complot. A nosa
proposta é: si es consumidor, por que non podes ser tamén propietario da
túa empresa enerxética? E indo máis alá, por que non podes ser tamén
produtor? Un estudo encargado pola European Renewable Energies
Federation indica que hai 264 millóns de europeos que poderían ser
prosumidores; é dicir, producir e consumir a súa propia enerxía.
Unha
vez, nunha reunión de comuneiros na que se queixaban de que Ence lles
pagaba pouco, que a Xunta os subvencionaba pouco, fun e díxenlles: “por
que non vos reunides e mercades un paquete de accións de Ence para
entrar no consello de administración e discutides alí?” Nada o impide.
Podemos actuar nese sentido. O sermos copropietarios podemos incidir
sobre a política de tarifas e sobre o destino dos beneficios.
- Onde irán os vosos beneficios?
- Neste primeiro ano calculamos que por socio puidemos xerar un
excedente duns 30 euros. Inda é pouco. Pensamos que por cada 600 socios
teriamos a capacidade para crear un emprego. Pero a idea é tamén facer
descontos. E ir desenvolvendo proxectos de xeración enerxética, xa
andamos nalgún de autoconsumo, e tamén andamos participando en
iniciativas de acción social. Todo co fin de promover o uso de enerxías
renovables.
É preciso conseguir unha certa dimensión da empresa. Hai que
ter en conta que a nivel do Estado todas as cooperativas de enerxía
suman uns 50.000 socios fronte aos 35 millóns de contratos. Non somos
nada. As cooperativas máis fortes están en Cataluña, Som Energía, que
andará polos 30.000, e Goiener, en Euskadi, cuns 5.000 socios.
- Que muda o voso modelo enerxético respecto do actual?
- Esixe moitos cambios: paneis fotovoltaicos, autoxeración e
autoconsumo, impulso do aproveitamento da enerxía solar, da xeotérmica,
soberanía e democracia enerxética…
- Á marxe do petróleo? Sen refinarías coma a da Coruña e coches eléctricos?
- Que nos aporta a refinaría? Uns centos de postos de traballo? E que
pasa coas externalidades, coa contaminación? España inviste cada ano
25.000 millóns de euros en importar petróleo e derivados. Habería que
substituír a dependencia do petróleo por outras fontes de enerxía. E
témolas. Si pecha a refinería, perderíanse postos de traballo e algunhas
axencias intermediarias. Sufrirían os países produtores de petróleo.
- As resistencias serían enormes. Vímolo estes días cos traballadores de Ence
- Esa é a típica reacción dos sindicatos. Pero se pechan Ence e ao día
seguinte abre unha fábrica de paneis fotovoltaicos?... En Ourense estivo
T-solar. Temos que madurar e en canto expira unha tecnoloxía, abrir a
porta a outra. Non hai que esperar por Pemex ou polos fondos europeos.
- O novo modelo enerxético tería implicacións sobre os sistemas de mobilidade e transporte
- Claro, xa hai tecnoloxía limpa. Miremos cara Estados Unidos, cara
Alemaña ou Xapón que están buscando alternativas e creando patentes. Eu
pecharía a refinaría e electrificaría a circulación pola AP-9.
- Un capitalismo de renovables?
- Esa é outra cuestión. Non nos vale ese sistema de xestión. Por
exemplo, incentívanse unhas fontes e non outras, coma no caso do
hidróxeno fronte á solar, por exemplo. Para que o botón o siga tendo
unha minoría. O que propomos as cooperativas enerxéticas sen ánimo de
lucro é que toda a xente poida xerar enerxía.
Pero se iso sucede, quen
os controla? Hoxe as loitas pola enerxía son loitas polo control das
fontes e da distribución. Miremos a outra escala. Aquí a distribución da
electricidade faise de maneira centralizada. Os muíños que xeran
enerxía nestes montes da contorna de Vilagarcía deberían servir para
abastecer directamente á vila. Rede Eléctrica xestiona dun modo
ineficiente.
- Entendo que hai fontes limpas dabondo, pero falla a xestión e o modelo de propiedade?
- Aquí no país temos un enorme potencial eólico, e tamén de
aproveitamento forestal, mesmo xeotérmico ou solar. Fixéronnos un
cálculo sobre os paneis solares, e aproveitando cubertas de parques
empresariais e edificios do país, si se chegaran a ocupar 21 quilómetros
cadrados, disporíamos do equivalente a tres veces o consumo actual.
Sobran as fontes de enerxía. De feito Alcoa instalouse aquí.
Consume o
25% da enerxía que se produce, pero xa podería marchar para Valladolid
onde toparía fontes limpas na solar e na eólica. Por que non se lle dá
auga quente ás poboacións onde é posible o aproveitamento de fontes
xeotérmicas, como Ourense, Cuntis ou Caldas? En Islandia téñena gratis.
Non se fai nada porque tócanse moitos monopolios. Logo está o modelo
eólico. Colleron o bo e pactaron todo coas grandes compañías eléctricas.
Encheron o país de muíños de vento, pero que se aproveita aquí? Xa case
nin queda quen faga os muíños.
- Hai pouco, nunha conferencia na Coruña, dixo que o noso
petróleo está no monte, pero que o único que facemos é queimalo un verán
tras outro
- Hai lumes. E despois dos lumes, indiferenza. Parece que ten que ser a
Administración a que se faga cargo dos montes. O monte xa non sostén
economías no rural. Está en perigo mesmo a figura legal da comunidade de
montes.
Estase matando por abandono ou por querer sacarlle rendas
rápido. Son precisas políticas a longo prazo. Xa non hai carballos no
país porque se crebou a liña de que cada xeración fora plantando os
seus.
- Pero como se pode poñer a producir o monte máis alá do aproveitamento forestal?
- Hai actividades coma o turismo ou a caza que axudan. Desde o punto de
vista da enerxía estaría o aproveitamento da biomasa. Estamos
traballando nun proxecto con pellets e non conseguimos pellets aquí,
traémolos de Canadá, Lituania e ultimamente Segovia. Os pellets que non
se recollan este inverno vanse queimar no verán.
As comunidades de
montes deberían ter a visión de investir parte dos beneficios en
xeración de enerxía renovable. Diversificar os ingresos. E contratar
xente, porque agora o monte crea pouco emprego, e moitas comunidades só o
crean se hai subvención. E que o impacto na paisaxe se compensara con
incentivos ás poboacións. Hoxe non hai nada, ou pouco, diso.
- Que cambio cultural esixe algo como o que propón?
- Un acordo común, que todas e todos aportemos a nosa produción á
sociedade. Aquí seguimos pendentes do que faga o Estado, do Igape e
desas cousas. Outras sociedades máis fortes son quen de xestionar a súa
liberdade doutra forma. E de innovar. Nokia comezou facendo zapatos e
pasta de papel no século XIX e acabou facendo tecnoloxía dixital. Mesmo
habería que ir reclamar esas comunidades de montes que están
abandonadas.
- Que importancia ten para Nosa Enerxía que concellos como os de Ames, Rianxo ou San Sadurniño sexan socios?
- É un comezo. Falamos con outros e houbo receptividade no de
Compostela e no da Coruña, polo momento sen resultado. Os concellos que
se asociaron fixeron o trámite para cambiar os contratos de dous o tres
puntos de subministro. Normalmente é o alcalde quen se fai socio e
apadriña algún dos contratos do concello. Ofrecen un respaldo
institucional moi importante cara os demais socios potenciais.
- Cal é o limiar de socios para facer sostible Nosa Enerxía?
- Para garantir a operatividade serían precisos uns mil socios. Xa hai
outras empresas que están funcionando ben con este número. A partir de
aí penso que podería empezar o efecto bola de neve e sermos quen de
chegar a eses dez mil cidadáns que en toda Galiza poden ser sensibles á
nosa proposta. " (Entrevista a Pablo Álvarez, impulsor da cooperativa Nosa Enerxía, Galicia Confidencial, 23/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario