"É unha doenza que se pode atallar cun bo
sistema de asistencia e prevención. Galicia lidera a taxa de pacientes
diagnosticados, case o dobre da media estatal, pero carece de
profesionais na sanidade pública para atender os casos que se veñen
disparando nos últimos anos.
A depresión é unha enfermidade que chega acompañada dun profundo
sentimento de tristeza, dun desasosego intenso e unha preocupación
constante que incluso pode ter manifestacións somáticas. Está catalogada
pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha das principais
causas de discapacidade no mundo.
Dentro do territorio estatal, Galicia
leva anos á cabeza da lista de pacientes, vivindo ademais un aumento da
taxa: mentres que en España afecta a preto dun 7% de cada 100.000
habitantes, aquí achégase ao 13%, segundo o Instituto Nacional de
Estatística. Trátase dunha doenza multifactorial, que nos casos máis
graves remata en suicidio. Os profesionais da saúde mental advirten que
cun bo sistema de prevención e asistencia se podería atallar; en cambio,
Galicia está lonxe de acadar os recursos que fan falta.
Cando se fala de estatísticas, a depresión ten faciana de muller. Son
máis do dobre do total de persoas afectadas. Por riba dos 80 anos, a
cifra dispárase. Pero cando se baixa aos casos concretos, a enfermidade
atravesa xeración e xéneros. No caso de Sabela –nome ficticio para
protexer a súa identidade– ten 46 anos e unha verborrea vivaz. Pasou por
dous procesos depresivos diferentes.
O primeiro, hai 20 anos, xurdiu no
que se supoñía un dos momentos máis felices da súa vida: a chegada do
seu único fillo. «Deime conta de que estaba a pasarme algo porque pasei
de ser unha persoa que sempre estaba a rir a sentirme moi triste, non
paraba de chorar, e para a miña contorna só tiña un laio constante: se
estaban comigo, porque estaban; se non estaban, tamén era malo»,
recorda. Acudiu ao médico, quen lle diagnosticou unha depresión
posparto. A OMS calcula que unha de cada dez mulleres que dan a luz pasa
por este estado; pola contra, as unidades médicas non realizan un
traballo preventivo ou informativo, como recomendan os profesionais
sanitarios.
Para Sabela o estigma da depresión duplicouse: «Imaxina o impacto,
que che digan iso hai vinte anos e por ter un neno, que ademais xa tiña
dous anos. Eu pedinlle unha segunda opinión ao médico». Foi derivada ao
especialista, onde recibiu un tratamento farmacolóxico e tamén apoio
terapéutico. «Pero moi precario e moi lento», recorda. Cre que as citas
espalladas e o pouco tempo de consulta puideron prolongar a duración da
doenza. Sabela asegura que os mesmos médicos se escusan pola mala
atención e sempre se exceden nos minutos establecidos por paciente.
O Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) naceu en 2014 como un
resorte contra as eivas que existen neste tipo de asistencia sanitaria.
Rosa Cerqueiro, portavoz da asociación e psicóloga clínica, relata que a
crise económica e a aplicación dos recortes deixou «paralizada» á
sociedade e, «dalgunha maneira, tamén aos profesionais». Nese período
asumiron que non era posible mellorar o Estado de Benestar, pero cando
ademais se comezou a reverter co que consideraban casos graves de falta
asistencial, formaron este grupo interdisciplinar.
As primeiras reivindicacións apuntaron contra os peches estivais de
camas en unidades psiquiátricas, que nalgúns casos supoñían anular a
existencia deste servizo. «Chegamos a puntos que nunca antes pasaran:
había altas precoces nos hospitais, listas de espera… tiñamos a
sensación de que as cousas ían mal e que non podiamos quedar calados.
Había que paralo», recorda Cerqueiro.
O MGSM pediu á Consellería de Sanidade que levara a cabo un reconto
das dotacións e recursos existentes e que iniciase as accións necesarias
que garantisen unha boa asistencia. O anterior Plan Galego de Saúde
Mental expirara en 2011 e en 2017 anunciouse a composición dun grupo de
traballo que confeccionaría o novo, pero a asociación denuncia que aínda
non existe.
Neste tempo, eles mesmos redactaron un informe no que
recollen as propias recomendación da Xunta dos anos 1987 e 1997, así
como as ferramentas coas que se conta hoxe: número de profesionais,
unidades de atención, etc. O resultado, «Recursos en saúde mental en
Galicia», visualiza un déficit do 12% dos auxiliares de enfermaría, do
32% de psiquiatras, do 49% en psicoloxía clínica e enfermaría, do 68% en
terapia ocupacional e do 73% en traballo social. Con esta falta de
recursos humanos a vocal da organización subliña a imposibilidade de
prestar un servizo digno.
A carga asistencial que soportan os profesionais por culpa destas
carencias provoca que as pautas recomendadas para os tratamentos non se
sigan correctamente e que os prazos sexan en moitos casos insoportables
para os pacientes. Cando Sabela atravesou unha segunda depresión, a máis
forte segundo describe, xa non acudiu ao seu médico de cabeceira pola
urxencia que tiña.
«Sabes que poden pasar dous meses ata que te tratan, e
mentres danche unhas pastillas, que igual nin che sentan ben, pero non o
saben; meus pais estaban moi preocupados e leváronme directamente a un
psicólogo de pago». Diso hai oito anos. En xuño de 2018 8094 galegos
estaban á espera da primeira cita nos servizos de psiquiatría do Sergas.
O detonante da segunda depresión de Sabela foi a separación da súa
parella pero, como indica o psiquiatra Cipriano Luís Jiménez, non sempre
existe unha circunstancia ambiental: «Hai unha depresión que podemos
chamar de tipo endóxeno, na que o metabolismo pode influír como factor
para que se produza un estado depresivo; tamén sabemos que toda unha
serie de circunstancias reactivas poden intervir, e nese caso sempre son
máis tratables dende o punto de vista da terapia que de tratamentos
químicos».
A Axencia Española do Medicamento sinala que o consumo de
ansiolíticos aumentou entre 2000 e 2013 un 57,4% e no caso dos
antidepresivos un 200%. Os expertos, que cualifican este incremento de
«excepcional», apuntan que á subida dos casos diagnosticados se engaden
outros factores como a falta de prevención e de tempo para as terapias.
Cerqueiro insiste na importancia de traballar dende a atención primaria
para reducir os tratamentos farmacolóxicos e tamén a cronicidade da
enfermidade, porque «un bo traballo a tempo reduce as patoloxías e as
consecuencias na calidade de vida» e recorda que isto tamén repercute na
carga económica que supón para o Estado.
Sabela tivo que medicarse, non só pola depresión, senón porque a
tensión mental á que estaba sometida traspasouse ao seu corpo e acabou
empeorando unha enfermidade crónica que padece. «Estaba triste, pero
sobre todo moi enfadada, e esas sensacións fixeron que me doese
continuamente o lombo», describe. Pero o que lle resultou máis medicinal
foi a terapia, por iso defende a necesidade de contar con este recurso
na sanidade pública.
«Igual que se che doe algo vas ao médico de
cabeceira, se cando estás angustiado podes acudir rápido a unha sesión
estou segura de que moitas destas cousas non acabarían en depresión».
Agora atópase novamente esperando unha cita médica na sanidade pública,
neste caso para un familiar que sofre ataques de ansiedade. Ata dentro
de mes e medio non será avaliado. «Mentres, pastillas», anota.
Jiménez coincide en que só co feito de verbalizar os sentimentos
negativos nun entorno que acubille á persoa xa se aforraría moito
sufrimento. Se ben matiza que a familia non pode exercer de psicóloga,
subliña que si cumpre cunha función de apoio moi relevante e en moitos
casos debe ser quen anime o enfermo a acudir a un profesional. Pola
contra, explica que na actualidade a actitude máis común cando se
coñecen «as debilidades» dun ser querido é evitar o tema. «Hai unha
especie de complicidade co entorno que fai que se peche calquera tipo de
comunicación, o que é un mecanismo psicolóxico moi curioso», describe.
O psiquiatra lamenta que vivamos nunha sociedade reticente a expresar
emocións como a tristeza, pois provoca que a saúde mental sexa «un
tabú». Isto non está presente noutros países, coma nos americanos ou os
de Centroeuropa, que comparten a asistencia e a terapia «como se fora
algo que están facendo con valor positivo», apunta. Adoptar esta postura
e normalizar as enfermidades mentais suporía ter unha sociedade máis
san pois, como indica Cerqueiro, estes casos son «o termómetro» do
benestar e a saúde dunha sociedade.
Un país de suicidas
Detrás dun suicido non sempre hai unha enfermidade de saúde mental,
pois os factores que inflúen neste acto son moitos e moi diversos, pero
Jiménez sinala que un dos primeiros elementos a ter en conta na
depresión é que leva consigo a ruminación de acabar coa vida. «Ás veces
as persoas verbalízano, os enfermos din cousas como ‘eu non pinto nada’,
o que non quere dicir que vaia suceder», advirte o psiquiatra.
Case
cada día morre unha persoa por suicido en Galicia, unha cifra que se vén
mantendo nos últimos anos. Segundo o Imelga, en 2017 quitáronse a vida
concretamente 324 persoas. O MGSM denuncia que non se cumpren os
requisitos básicos de prevención que estipula a OMS no que é xa a
principal causa de morte externa, é dicir, que non se produce por causas
naturais. Galicia, xunto a Asturias, tamén ostenta aquí a maior taxa de
España: 12 suicidios por cada 100.000 habitantes, catro puntos por riba
da media nacional.
Para analizar os suicidios en Galicia débense ter en conta algúns
factores moi significativos como o envellecemento da poboación, a súa
dispersión, o clima e incluso cuestións etnográficas. Ademais dos casos
en áreas urbanas, Jiménez recorda que «non cabe dúbida de que a Galicia
rural é unha sociedade totalmente desartellada» e que este é «un
elemento importantísimo» para que se poida producir un suicidio e
incluso un acto de criminalidade.
As imaxes que propician algunhas zonas
son de outrora: «Hai centos, por non dicir miles, de parroquias que
están nunha situación tráxica; entras alí e non ves a ninguén, de vez en
cando aparece unha persoa de oitenta e moitos anos, como unha especia
de superviventes, cunha ou dúas vacas». Este illamento social provoca
que moitas persoas queden «descolgadas» do sistema e, en consecuencia,
esquecidas por este.
Aínda que a depresión se ceba maioritariamente coas mulleres, son os
homes os que cometen máis actos de suicidio. Elas sofren máis cargas no
día a día, polo machismo que as asoballa coa organización da casa, o
coidado dos familiares e a subordinación no traballo. Iso provoca, á súa
vez e segundo o psiquiatra, que teñan máis «defensas» á hora de
afrontar as desgrazas ou a soidade e así logran fuxir dunha situación
extrema como rematar coa vida.
En cambio, o home está falto desa
axilidade emocional, pois a sociedade imponlles o mantemento dunha imaxe
de fortaleza. Por este motivo, ocultan o seu malestar e a depresión
moitas veces só se manifesta nun enfado perpetuo que se interpreta como
un mal carácter. Acaban optando por quitarse a vida en lugar de pedir
axuda." (Andrea Nogueira, Luzes, 29/06/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario