"As propiedades físicas dun alimento están relacionadas coa composición
química do mesmo. Entre as propiedades fisicas destacan as dieléctricas:
constante dieléctrica ou capacidade dun alimento para almacenar enerxía
eléctrica e factor de perda dieléctrica ou capacidade dun alimento de
disipar a enerxía eléctrica en forma de calor.
No caso dos líquidos, a
súa caracterización electromagnética pode ser de grande interés para as
empresas que producen bebidas para o mercado, xa que proporciona
información sobre a súa calidade. Partindo desta idea, un equipo de
investigación formado por científicos do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e do laboratorio IDLab (Internet Technology and Data Science),
do Departamento de Tecnoloxías da Información da Universidade de Gante
(Béxica), analizaron a caracterización electromagnética das dúas bebidas
de cola máis famosas do mundo e eternos rivais: Coca-Cola e Pepsi.
E
atoparon que "aínda que todas as variedades seguen a mesma tendencia, os
resultados mostran claramente que existen diferenzas no comportamento electromagnético das dúas marcas e das súas diferentes variedades".
Os autores da investigación consideran relevantes os seus resultados,
xa que, din, estas empresas mutinacionais "poderían usar este
coñecemento para optimizar os seus procesos de produción", controlando a
calidade do produto "en tempo real".
Un bo xeito de coñecer as características dun líquido, explican os
responsables do experimento, é medir as súas propiedades dieléctricas.
"Isto dános unha idea do que acontece coa enerxía electromagnética (é
dicir, a onda electromagnética) que se propaga a través do líquido",
clarifican. Deste xeito, pódense identificar anomalías e diferenzas
substanciais entre dous produtos aparentemente moi semellantes.
No experimento analizaron as propiedades dieléctricas das diferentes
variedades de produtos de Coca-Cola e Pepsi en latas: a cola normal, a light, a zero, a sen cafeína e a de limón. As
medicións realizáronse a varias temperaturas entre 0 e 60 grados
centígrados e en períodos posteriores á apertura das latas: 0, 6, 24 e
48 horas.
O rango de frecuencia aplicado foi de 0 a 20 GHz en pasos de
200 Hz. O traballo experimental revelou que todas as variedades seguen a
mesma tendencia decrecente a medida que aumenta a frecuencia, con
valores iniciais e finais da constante dieléctrica cercanos aos da agua
regular. Con todo, malia que todas as variedades seguen a mesma
tendencia xeral, hai "diferenzas visibles".
"A única diferenza notable entre as marcas é que a altura dos picos é
menor para Pepsi que para Coca-Cola. É posible que unha ou máis
substancias na composición das bebidas faga que o líquido almacene máis
enerxía a estas frecuencias", expoñen os autores do estudo.
Os científicos consideran que estes experimentos "poden ser útiles para
moitas empresas para apoiar o seu proceso de produción". Así, din,
"poderían detectar defectos antes de que os líquidos deixen a empresa
[cara ao mercado] e reducir así a perda de ingresos".
Os resultados do estudo publícanse agora na revista científica Measurement (volume 107, setembro 2017, páxinas 111–119) co título 'Electromagnetic characterization of cola drinks',
asinado por Tim Gaspard e Jo Verhaevert, da Universidade de Gante,
e Alejandro Cuevas, Isabel Expósito e Íñigo Cuiñas, da Universidade de
Vigo. Con este útimo falamos para coñecer un pouco mellor este traballo.
- Como e por que se puxo en marcha este traballo de investigación en colaboración coa Universidade de Gante?
- A colaboración coa Universidade de Gante vén dalgúns anos atrás. O
profesor Jo Verhaevert e máis eu compartimos despacho hai xa anos na
Universidade de Lovaina, cando estabamos a facer as nosas teses de
doutoramento.
Anos despois, voltamos a contactar para intercambios de
estudantes Erasmus, e nunha mobilidade deste tipo para facer o traballo
de fin de grao, un estudante belga comezou o traballo de medida de
características electromagnéticas de refrescos de cola, que despois
ampliamos ata dar lugar ao artigo.
- Por que é importante coñecer as características electromagnéticas da Coca-Cola e da Pepsi (e doutras bebidas)?
- Nun mundo no que o control de calidade cobra cada vez mais
importancia, a posibilidade de atopar un procedemento para detectar
cambios na composición dun produto durante a fabricación, e tendo en
conta toda a produción e non só unha mostra aleatoria, sería de grande
utilidade.
O traballo de laboratorio de medida de características
dieléctricas é o paso previo, a investigación básica, que tal vez poida
dar lugar a unha aplicabilidade futura. A decisión de usar refrescos de
cola vén pola súa variedade (os dous competidores principais teñen unha
boa colección de diferentes produtos) e polas súas características:
teñen burbullas, azucre, etc.
- No caso destas dúas marcas e das súas variedades, conclúen
que todas as variedades seguen as mesmas tendencias (con valores
cercanos aos da auga). Como se pode explicar isto ao público?
- En realidade só quere dicir que
electromagneticamente teñen comportamentos similares, aínda que os seus
sabores e compoñentes poidan ser moi diferentes.
- Con todo, matizan que si atoparon comportamentos diferentes
entre as dúas marcas. Cales son esas diferenzas, que significan e que
utilidade ten ese achádego?
- Comprobamos que as tendencias xerais son moi similares, isto é, o
modo en que a constante dieléctrica do líquido varía ao longo da
frecuencia, mentres que os valores exactos dos parámetros medidos son
máis característicos de cada variedade. Isto pode ser de utilidade para
detectar problemas de fabricación que dean lugar a variacións ao redor
dos parámetros propios de cada bebida.
- Que supón esta investigación tanto para as marcas como para o consumo e para a propia comunidade científica?
- Supón un primeiro paso nun proceso que pode levar (ou non) ao deseño
dun novo procedemento de control de calidade na fabricación. Isto
incidiría colateralmente no consumidor e tamén nas marcas. Obviamente,
non vai representar un cambio nin nas marcas nin nos gustos do
consumidor, pero pode ser unha aportación ao control da calidade " (Galicia confidencial, 31/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario