"58 pares de zapatos vermellos. Un por cada muller asasinada en Bélxica pola violencia machista nos dous últimos anos. (...)
Bélxica é unha das potencias políticas continentais, pero non é unha
excepción, mais ben é un bo exemplo do que acontece na UE onde só 16 dos
28 Estados Membros clasifican, con parámetros xudiciais e policiais
claros, a información sobre a violencia de xénero. Porén, traballar cos
datos na procura dunha fotografía comunitaria completa é complicado.
Descoñecemos o número total de mulleres asasinadas na UE en todo
2017. Son case 2.000, segundo Eurostat, mais faltan as cifras de
Austria, Bélxica, Irlanda, Luxemburgo, Portugal e Romanía.
O European Institute on Gender Equality (Instituto Europeo sobre a
Igualdade de Xénero) si contabiliza un total de 788 mulleres asasinadas
pola súa parella, ex-parella ou por un membro da familia no 2016 en toda
a UE. Segundo a oficina estatística comunitaria, con cifras
incompletas, ese ano morreron 1.797 mulleres.
Compre ollar os datos relativos de Eurostat, en relación a cada
100.000 habitantes, para completar o cadro da violencia machista na UE.
Lituania e Letonia, os países con maior índice de homicidios da UE, son
tamén onde máis mulleres morren. E velaquí chegan as sorpresas. En
termos relativos Francia salta do posto oito ao tres se comparamos a
taxa de homicidios totais coa de feminicidios.
No que vai de ano xa hai 116 mulleres asasinadas por homes en
Francia, un número que os movementos feministas elevan ata 137. O ano
pasado morreron 121 francesas por mor desta violencia. Nos últimos 8
anos suman un milleiro. Aínda que nos medios de comunicación galos o
termo feminicidio vai gañando cada vez máis presencia aínda non existe
no código penal, tampouco en Bélxica, que só contempla estes asasinatos
como homicidios aos que aplicar dous agravantes: se é cometido polo
conxugue ou parella sentimental e se hai unha motivación sexual. (...)
En Francia non o recoñecen pero ollan con envexa, malia todos os seus
defectos, disfuncións e falta de recursos, aos tribunais especiais
contra a violencia machista que existen en España, á formación dos
equipos policiais e xudiciais nesa materia ou á extensión do brazalete
electrónico. 136 mulleres asasinadas no que vai de ano, case tres veces
máis que en España nun país cun 50% máis de poboación. A comparación
arrepía.
Se saltamos á outra das grandes potencias europeas, Italia, a
situación aínda é máis vergoñenta.
Non contou con rexistros oficiais
sobre este problema ata o ano pasado e agora o censo estase a facer cara
atrás, comezando por rexistrar as 115 mulleres asasinadas en 2017.
Igual que en Bélxica ou en Francia, é a sociedade civil a que vai por
diante. A asociación Non Una Di Meno (Nin unha menos) leva xa
contabilizadas 94 mortes dende xaneiro. Tamén denuncian que nos últimos
cinco anos máis de 500.000 italianas foron vítimas dalgún tipo de abuso
sexual polas súas parellas. (...)" (Alexandre Mato, Luzes, 26/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario